Ángel Mato e Ricardo Rio debateron con Jacobo Buceta sobre as infraestruturas ou as propostas culturais dos seus municipios
As cidades de Ferrol e Braga foron as protagonistas do primeiro programa Eixo en Aberto, unha iniciativa que busca profundizar en temas concretos de interese para as cidades do Eixo e irá rotando cada mes por distintos medios de comunicación da Eurorrexión.
Neste primeira edición participaron Ángel Mato, alcalde de Ferrol e Ricardo Rio, alcalde Braga e presidente do Eixo Atlántico. Ambos coincidiron na defensa do Corredor Atlántico como un reto irrenunciable para os próximos anos e destacaron a importancia do ferrocarril como un medio sustentable que pode vertebrar toda a Eurorrexión.
A cultura tamén tivo un peso importante durante o programa, presentado por Jacobo Buceta. No caso de Ferrol, segundo explicou o seu alcalde, está a celebrar este ano o bicentenario de Concepción Arenal e, ademais, o día das Letras Galegas está dedicado a Ricardo Carballo Calero, natural de Ferrol. Ángel Mato destacou tamén a boa marcha das inscricións para a Mostra Musical do Eixo Atlántico, que se celebrará no seu municipio o 18 e 19 de abril e onde xa están confirmados arredor de 300 mozos participantes de 16 cidades distintas.
Pola súa banda, Ricardo Rio subliñou o interesante programa da Capital da Cultura, que se desenvolve en Braga durante todo o ano, e que xa acolleu concertos moi exitosos como o de Sondeseu ou Amancio Prada. Ricardo Rio explicou que a proposta inclúe arte urbana, jazz ou folclore e que supón un motivo máis para visitar Braga durante este ano. Rio destacou que en Braga entenden a cultura como un eixe de desenvolvemento económico da propia cidade e contan coa implicación de toda a sociedade para converterse en Capital Europea da Cultura en 2027.