A Axenda Urbana reuniu na Coruña a expertos das Axendas Urbanas española, internacional e a do Eixo Atlántico onde se expuxeron enfoques e estratexias para a súa implantación
Na apertura, citouse como exemplo positivo do seu desenvolvemento, a Axenda Urbana do Eixo Atlántico. O Presidente da Federación Galega de Municipios, FEGAM, Alfredo García, actual presidente do Eixo Atlántico, describiu á entidade transfronteiriza como unha gran cidade formada por 36 barrios (as cidades que o integran) que non compiten entre elas, senón que se complementan.
Pola súa banda, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, afirmou que os retos globais teñen moito que ver cos retos do día a día dos alcaldes, lembrando que o 70% da poboación da Unión Europea viven en contornas urbanas. “Para superar os devanditos retos -afirmou- debe implementarse unha estratexia creada desde abaixo, desde os cidadáns, as organizacións sociais e veciñais, etc”.
Finalmente, insistiu na Axenda Urbana debe marcar unha liña de desenvolvemento que transcenda aos gobernos locais; “debe ser aberta e compartida de forma que o que faga unha cidade, poida ser aproveitado por outra”, subliñou.
Amplo proceso de participación
Na súa intervención, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoan V. Mao, definiu a Axenda Urbana como o principal instrumento de planificación.
Explicou o amplo proceso de participación na elaboración da Axenda Urbana do Eixo Atlántico, destacando as achegas de expertos internacionais e a súa apertura a todos os actores a través dunha consulta pública.
A axenda, que afirmou, "debe servir para buscar solucións aos problemas da xente", inspírase no principio "comparte, non confronta". Por último avogou polo que denominou "especialización intelixente do territorio".
No mundo, en 2015, o 54% da poboación vivía en contornos urbanos; o 80% do PIB xérouse nas cidades, aínda que tamén, o 70% do consumo enerxético e o 70% dos gases de efecto invernadoiro foron responsabilidade das cidades.