Constituído o Consello Económico e Social de Santiago para afrontar o escenario xurdido da crise da COVID-19
O obxectivo é desenvolver un mecanismo que ofreza respostas rápidas as condicións cambiantes sobre a base dunha visión de futuro estable da cidade
Quedou constituído o Consello Económico e Social do Concello de Santiago, presidido polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, cunha prioridade: "afrontar o escenario económico e social que se deriva da crise da COVID-19". O rexedor espera que este órgano funcione, a partir de agora, de xeito estable, xa que, recorda, reuniuse entre os anos 1999 e 2010, e a partir de aí non se volveu convocar.
Ademais da constitución do Consello Económico e Social, presentouse a proposta de análise de impacto da crise en Santiago; creouse o Comité Socioeconómico de Crise, asesorado e coordinado por Melchor Fernández, profesor titular do Departamento de Fundamentos da Análise Económica e coordinador do Grupo de Análise e Modelización Económica (GAME) da USC; e constituíronse catro grupos de traballo, entre eles a Comisión de Formación e Inserción Profesional.
Na proposta de análise da crise presentada polo profesor Melchor Fernández, establécense os parámetros de estudo da actual situación, sen precedentes na historia contemporánea, e sinálase que para ter unha visión global e conxunta do que está a acontecer, cómpre ter como punto de partida a percepción e coñecemento dos axentes locais e a súa experiencia a pe de campo.
Na reunión creouse o Comité Socioeconómico de Crise Compostela Móvese 2020, co obxectivo de desenvolver un mecanismo que ofreza respostas rápidas a contornas cambiantes sobre a base dunha visión de futuro estable da cidade; no que están representados os distintos axentes económicos e sociais. Un órgano capaz de identificar os retos do municipio e realizar propostas de actuación.