Skip to main content

As cidades do Eixo Atlántico intercambian as súas experiencias no ámbito do turismo nun seminario en Monforte Lemos

As cidades do Eixo Atlántico intercambian as súas experiencias no ámbito do turismo nun seminario en Monforte Lemos

Trátase do primeiro Seminario de Intercambio de Experiencias no sector turístico

O primeiro Seminario de Intercambio de Experiencias (SIE) no ámbito do Turismo do Eixo Atlántico desenvolveuse onte no Parador de Monforte de Lemos.

Organizado polo Eixo Atlántico e a Deputación de Lugo, o Seminario abordou o sector do turismo desde diferentes perspectivas coa participación de expertos de cidades tanto galegas como portuguesas, ademais dun representante do concello de Barcelona.

O acto inaugural contou coa presenza do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, o alcalde de Monforte, José Tome e Darío Campos, presidente da Deputación de Lugo.

Baixo o epígrafe das “consecuencias da sobre-explotación do turismo” achegaron os seus coñecementos Camen Pardo, consultora do Eixo Atlántico e ex-secretaria xeral de Turismo da Xunta de Galicia; Sergi Marí Ons, xerente da entidade Empresa e Turismo de Barcelona; Flavia Ramil, xerente da Empesa Municipal de Turismo de Santiago de Compostela e Ricardo Valente, vereador de Turismo do Porto.

Durante a súa intervención, Carmen Pardo analizou as consecuencias da sobre-explotación nos destinos, sen esquecer a xeración de riqueza e emprego que o turismo supón para os territorios. Á marxe de medidas como o establecemento de máximos de afluencias, taxas e cobros, as súas recomendacións articúlase en torno á  sensibilización da poboación co sector, estratexias de maior estancia e maior gasto, non necesariamente maior volume de turistas; a loita contra  a potencial perda de autenticade ou a necesaria toma de decisións en base a datos.

Nesta primeira mesa expositiva hai que salientar a coincidencia dos representantes das tres cidades participantes na necesidade de descentralizar o turismo de determinadas zonas do territorio para diminuír a presión neses ámbitos e dispersala cara a outros lugares onde tamén o turista se poida sentir máis cómodo.

Marta Cabanas Cal, responsable do Departamento de Análise e Estratexia Europea do Eixo Atlántico, pola súa banda, explicou as “estratexias internacionais do ámbito do turismo” cunha ponencia sobre os proxectos europeos Destino Frontera e Epicah, actualmente en marcha, dirixidos a posicionar a fronteira como destino turístico.

 

Experiencias innovadoras

Na última mesa abordáronse as “experiencias innovadoras das cidades do Eixo Atlántico”. Así, José Maria Magalhães, de Vila Real, fixo unha exposición sobre o turismo deportivo, explicando o impacto que o Campionato Mundial de Turismos (WTCC) tivo neste municipio.

Nuno Rodrigues, de Barcelos, explicou o traballo feito por Barcelos para posicionarse como destino creativo ata chegar a ser nomeada cidade creativa da Unesco no ámbito da artes e os oficios tradicionais. 

Pola súa banda, Mario Duarte, de Vila Nova de Gaia, detallou os traballos feitos por Vila Nova de Gaia para  aumentar o tempo de permanencia dos turistas e desconxestionar o centro histórico por medio da promoción da súa franxa marítima e das súas praias.

Por último, Eduardo Vidal, da Deputación de Lugo, presentou as liñas máis innovadoras do seu plano estratéxico e os obxectivos marcados a curto, medio e longo prazo.

Trátase do primeiro SIE sobre turismo que se organiza no ámbito do Eixo Atlántico, e que se desenvolveu a partir da positiva experiencia que están a supor estes seminarios noutros ámbitos como o deporte, onde xa se realiza desde hai anos. Agora, trasladouse este xeito de traballar tamén ao sector do turismo, onde se detectou a necesidade de dar a coñecer as boas prácticas entre as cidades así como xerar un espazo de debate.

 

Programa

 

Galería de fotos