Ángel Mato, na festividade de San Xiao: “Ferrol está no inicio dun período de gran dinamismo que debe servir para asentar o seu futuro a longo prazo”
Lara Méndez. alcaldesa de Lugo, irmandada con Ferrol, destacou os proxectos transformadores de Lugo e Ferrol, que “se consolidarán nos vindeiros anos porque melloran a calidade de vida da veciñanza”
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, o acto oficial pola festividade de San Xiao, no que se consolidou a irmandade entre as cidades de Lugo e Ferrol e entregáronse o título de Ferrolán do Ano ao catedrático de Microbioloxía e decano da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Jesús López Romalde (Ferrol, 1964) e as Insignias de Ouro 2022 aos centros educativos A Laxe, de Valón, e Jesús Maestro, á Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, ao equipo Abeconsa Basketmi e a Rafael Pillado.
Na súa intervención, o alcalde lembrou que “reunímonos de novo para estreitar os lazos que nos unen coa cidade irmá de Lugo e para homenaxear a persoas e entidades que contribuíron e contribúen a construír Ferrol”. Ambas cidades “atópanse neste momento, como outras moitas cidades que apostan forte pola súa modernización, na materialización dun modelo que ten como obxectivo algo tan simple, e tan complicado ás veces, como é acadar a mellora da calidade de vida das persoas”.
O potencial de Ferrol púidose ver “estes últimos días, durante os que milleiros de persoas se apropiaron do centro urbano con total naturalidade para gozar dunha das épocas máis especiais do ano, o Nadal”. Esa “vitalidade que exhibiron as nosas rúas é o reflexo do que está a acontecer na cidade a todos os niveis”, apuntou. Ferrol “está no inicio dun período de gran dinamismo que debe servir para asentar o seu futuro a longo prazo”.
Actividade asegurada no ámbito naval
A principal industria da cidade, a naval, lembrou Mato, “ten asegurada a súa actividade co desenvolvemento de novos programas e coa continua apertura de mercados nas súas diferentes unidades produtivas”. O programa de construción “máis ambicioso da historia recente da Armada xa está en marcha no estaleiro” e durante este ano a área de Reparacións “demostrou as súas capacidades e a propia cidade notou o impacto que teñen para a economía local encargos como o que asumiu para unha multinacional canadiense”.
Por outra banda, a comarca “é cada vez máis líder nun sector tan estratéxico coma o das renovables, tanto na construción de instalacións para a eólica mariña como na incipiente sector do hidróxeno verde, con varios proxectos nos que xa están implicadas algunhas das empresas enerxéticas máis importantes”. En resumo, dixo Mato, Ferrol “ten magníficas perspectivas en canto a emprego industrial, que é o motor da nosa economía”.
O alcalde tamén fixo referencia ao novo de I+D en enerxías renovables e almacenamento que se vai crear ao abeiro dos Fondos de Transición Xusta e polo que “nestes momentos estamos traballando para que se asente na cidade”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez destacou os proxectos transformadores de Lugo e Ferrol, que “se consolidarán nos vindeiros anos porque melloran a calidade de vida da veciñanza”
Neste senso, Lara Méndez, felicitou aos premiados deste ano nunha aposta pola ciencia, a educación, a inclusión, o deporte e a loita polos dereitos dos traballadores. “As cidades necesitan do impulso da súa veciñanza e dos seus colectivos, que hoxe Ferrol distingue un ano máis”.
Destacou tamén a amizade que une a ambos municipios desde hai máis dun século e os lazos de irmandamento das dúas cidades, lazos que este ano celebran o seu vinte tres aniversario.
A rexedora explicou que “Lugo e Ferrol estamos a traballar na transformación dos nosos municipios nuns anos complicados pola crise sanitaria e económica que atravesamos e afrontamos os concellos case en solitario, actuando no urxente, apoiando aos sectores máis vulnerables da sociedade, pero tamén impulsando o importante, os proxectos de crecemento a través de cambios sociais, urbanísticos e económicos, non sempre fáciles pero necesarios para que a cidadanía recupere o seu protagnismo activo, gañando espazos públicos máis sas e confortables”.
Neste senso, subliñou que “as grandes transformacións como as que estamos a levar a cabo, requiren tempo para consolidarse, pero son imparables. Veñen para quedarse porque melloran a calidade de vida”. Así puxo exemplos de proxectos que se están a levar a cabo en Lugo dende o pasado mandato coa sostibilidade como eixo central. “Son proxectos que implican un proceso de adaptación e cambio de hábitos e costumes, especialmente os relativos a un novo urbanismo, á mobilidade e á renaturalización, que xa están a obter o recoñecemento por parte da comunidade europea e están a inspirar a outras cidades de tamaño medio como as nosas”, afirmou Méndez.