A lista de distribución de WhatsApp Ferrol+Conectado alcanzou esta semana os 2.400 subscritores
As redes sociais do Concello xa superan os 18.620 seguidores, mentres que se habilitaron novos números de teléfono para atender aos cidadáns durante o confinamento
O servizo Ferrol+Conectado, a lista de difusión a través de WhatsApp do Concello, alcanzou esta semana os 2.418 subscritores, que a diario se informan da actualidade municipal a través desta canle de comunicación. Con esta cifra, o conxunto de redes sociais do Concello de Ferrol superan os 18.620 seguidores, xa que a páxina de Facebook está próxima aos 10.600 e o perfil de Twitter ten máis de 5.610.
Ademais de noticias, Ferrol+Conectado transmite avisos, incidencias, e actualizacións do taboleiro de anuncios do Concello. Trátase dun servizo que continúa operativo como canle de información cidadá durante o presente estado de alarma, trasladando aos subscritores novas de interese para os cidadáns. O número do servizo é o 608 736 834, e para darse de alta só hai que agregalo á axenda de contactos e enviar unha mensaxe a través de WhatsApp coa palabra “alta” e o nome e apelidos do solicitante. A lista de difusión está a emitir unha media de cinco mensaxes á semana e o límite está establecido en dous ao día.
Por outra parte, para solicitar ao Concello participar na campaña “Se non podes, imos nós”, dirixida ás persoas que ten mobilidade reducida ou en illamento sanitario e que non teñen ningún familiar que poida realizar a súa compra de menciñas ou produtos de primeira necesidade, os cidadáns poden chamar ao 981 320 000 ou ao 698 126 700. Neste caso, a concellería de Seguridade, a través da agrupación de Protección Civil, xestiona o servizo, coa correspondente entrega en domicilio.
Outra das campañas postas en marcha polo Concello é “Axuda con Alimentos”, que consiste en doar produtos nos supermercados participantes na iniciativa que serán entregados ao Banco de Alimentos Rías Altas. Pódese contactar con este servizo no 981 320 000 ou no correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Tamén existe a posibilidade, como no caso de calquera Administración pública, de contactar co Concello mediante a presentación dun escrito no Rexistro municipal, de maneira telemática. Para calquera información adicional pódese acceder á web municipal www.ferrol.gal.