A Coruña acollerá o 15 de marzo o Foro de Lanzamento do Plan de Acción da Agenda Urbana do Eixo Atlántico
Xulio Ferreiro e Vázquez Mao presentaron este xoves o foro en rolda de prensa
O secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentaron este xoves o foro de lanzamento do plan de acción da Axenda Urbana do Eixo Atlántico, un evento que terá lugar na Coruña o vindeiro día 15 e no que participarán alcaldes e alcaldesas de Portugal, Galicia e do resto do estado español, ademais de cargos dos gobernos español e luso e expertos e expertas en políticas urbanas.
Tanto Ferreiro como Vázquez Mao salientaron as recomendacións da UE a respecto da creación de axendas urbanas como “novos métodos de traballo que buscan maximizar o potencial de crecemento das cidades e, a través das mesmas, abordar os retos sociais aos que se enfrontan estas administracións”. “O Eixo Atlántico foi dos primeiros organismos que se puxo mans á obra con este tema, impulsando unha axenda urbana propia xa dende o ano 2014 para Galicia e o norte de Portugal”, salientou o primeiro edil, que insistiu en que “con esta xornada comezamos a plasmar de forma práctica os acordos que acadamos os concellos integrantes do Eixo o pasado ano sobre a nosa axenda urbana”.
“O día 15 abordaremos un acto baseado na colaboración e na cooperación, dous termos cos que traballamos moito dende o Concello da Coruña. Poremos en común e traballaremos de forma conxunta sobre as experiencias máis relevantes en materia de políticas urbanas levadas a cabo por cidades dos dous lados da raia”, indicou Ferreiro, que explicou que a elección da Coruña como sede deste evento “vén referendar que non nos equivocamos cando decidimos poñer en marcha unha axenda conxunta de traballo en rede con outras moitas cidades transformadoras”.
O secretario xeral do Eixo explicou que o plan de acción se concibe “como un marco de referencia que pretende orientar sobre as aplicación de políticas públicas que se fará realidade a través de cooperacións nas que participen as cidades que así o decidan”. As catro prioridades estratéxicas que se abordan no plan de acción son: a construción da cidade do futuro, o desenvolvemento da economía e a promoción do emprego, a cohesión social como forma de responder ao reto demográfico e a afirmación do espazo eurorrexional.
Mao salientou o feito de que este acto se desenvolva na Coruña “tal e como solicitou o alcalde, e tal e como foi aprobado por unanimidade polos rexedores e rexedoras da executiva do Eixo”. “Isto é debido, entre outros factores, a que o plan de acción, na súa análise concreta, ten unha compoñente moi importante sobre política social”, dixo.