Skip to main content

A crise demográfica, combustible para os incendios

A crise demográfica, combustible para os incendios

Os territorios que perden poboación son os que máis arden, segundo o novo estudo do Eixo Atlántico elaborado por Juan Picos. Acceda ao informe 

O despoboamento e o envellecemento do medio rural incrementan a vulnerabilidade fronte aos grandes incendios forestais. Esta é a principal conclusión do informe «Análise da relación entre o despoboamento rural e o cambio nos réximes de incendios no suroeste europeo», impulsado polo Eixo Atlántico e elaborado polo enxeñeiro forestal Juan Picos, que sitúa a revitalización do territorio como unha das principais ferramentas de prevención. 

A Deputación de Lugo acolleu a presentación do estudo, que pon de manifesto que os territorios que perden poboación e envellecen rexistran unha maior superficie afectada polo lume e unha exposición crecente a incendios de grande magnitude.

No acto, encabezado pola presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, interviñeron o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, e o autor do informe, Juan Picos, profesor de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo.

O estudo analiza a evolución demográfica e os incendios rexistrados entre 2016 e 2026 en máis de 4.400 unidades administrativas de España, Portugal e Francia, confirmando a estreita relación existente entre o abandono do medio rural, o envellecemento da poboación e a proliferación de grandes incendios forestais.

O abandono da actividade agrícola, gandeira e forestal favorece a expansión do mato, a acumulación de combustible vexetal e a perda da paisaxe en mosaico, un elemento clave para frear a propagación do lume. A isto súmanse o envellecemento demográfico, a perda de servizos básicos e a diminución da capacidade de xestión do territorio, factores que, combinados co cambio climático, elevan o risco de incendios extremos.

Máis aló do diagnóstico, o informe formula unha folla de ruta para reducir a incidencia dos grandes incendios forestais. Entre as medidas propostas figuran a recuperación da actividade agropecuaria e forestal, a conservación de paisaxes diversificadas que actúen como devasas naturais, o impulso á remuda xeracional, o mantemento dos servizos públicos e unha xestión activa do territorio que limite a acumulación de biomasa.

A investigación subliña que a prevención non pode apoiarse unicamente nos dispositivos de extinción, senón que require políticas públicas orientadas a fixar poboación, xerar oportunidades económicas e reforzar a resiliencia do medio rural fronte aos efectos do cambio climático.

O estudo, elaborado no marco do programa europeo SUDOE, pon á disposición dos municipios de Galicia e do norte de Portugal unha ferramenta de referencia para orientar as políticas locais de prevención de incendios e de ordenación do territorio.

As previsións formuladas polo Eixo Atlántico en 2018 víronse confirmadas

Este traballo dá continuidade ao informe publicado polo Eixo Atlántico en 2018, pioneiro en alertar sobre a aparición de novas tipoloxías de incendios forestais e sobre as consecuencias derivadas da falta de planificación e xestión do territorio. Boa parte dos escenarios descritos daquela materializáronse nos anos posteriores, o que reforza a vixencia daquelas advertencias e pon de relevo a necesidade de impulsar políticas estruturais que aborden de maneira conxunta o reto demográfico, a xestión forestal e a adaptación ao cambio climático.

Documentación complementaria: