Artículo del alcalde de O Carballiño, Francisco Fumega, sobre el potencial turístico del territorio
Galicia e o norte de Portugal teñen un potencial turístico extraordinario. Á esquerda e á dereita do río Miño ábrese un mundo de olores, de sabores e un patrimonio natural e cultural de grande interese. Nesto non hai dúbida, pero a cuestión é diferenciarse e buscar a excelencia nos servizos.
Dende o Eixo Atlántico pódese traballar nesta dirección, e dende O Carballiño, que é unha vila cunha longa tradición balnearia, cremos que é o momento de trocar as ideas en realidades.
E a realidade é apostar pola formación e o investimento para mellorar os servizos e ofrecer calidade.
A calidade nos servizos e a diferenciación na oferta, de xeito que se ofreza un produto xenuino, son os alicerces do futuro turístico, sobre todo dos lugares do interior, os que non contan co poderoso reclamo do mar e a praia.
Dende hai algúns anos, tivemos un gran avance nas comunicacións. Este é o caso do Carballiño, que está enlazado por autovía coas principais cidades de Galicia e o norte de Portugal. Sen embargo, cómpre poñer este eixo en valor.
Por suposto, unha boa comunicación cos principais centros comerciais permite desenvolver os parques industriais e empresariais, pero é insuficiente para atraer ao turismo.
Cada día son máis as persoas que viaxan. A xente móvese a todas partes. Moitas veces, faino por unha fin de semana ou unha ponte festiva. E en calquera época do ano. Para tan curto tempo, resulta doado ofrecer un programa turístico atractivo. Pero o problema é que sexa singular e de confianza. É dicir, que garanta o mellor servizo.
Fai falla, pois, un programa de desenvolvemento turístico que atenda, en primeiro lugar, á necesidade de formación e orientación nos servizos, e en segundo lugar, que incentive e facilite o acollemento a axudas públicas para investimentos no sector turístico e dos servizos.
Coido que este é un labor que pode realizar o Eixo Atlántico, dando un paso máis para poñer en valor os recursos turísticos non só do conxunto das cidades e vilas que o conforman, senón de cada unha delas, con productos claramente diferenciados.
Francisco Fumega Piñeiro
Alcalde do Excmo. Concello do Carballiño