Skip to main content

Un Ano Santo imprevisto

Un Ano Santo imprevisto

Artigo de opinión de Flavia Ramil, Xerente de Turismo de Santiago de Compostela

No ano 2019 Santiago viviu as mellores cifras turísticas da súa historia. A cidade conseguiu tres récords anuais nas súas principais variables turísticas: pernoctacións nos establecementos hoteleiros da cidade, peregrinos que percorreron o Camiño de Santiago e pasaxeiros no aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro.

Todo este crecemento turístico do principal destino turístico de Galicia e da meta do Camiño de Santiago tivo un impacto claro en todo o Eixo Atlántico, especialmente naqueles Concellos polos que pasa o Camiño, tanto portugueses coma galegos.

Nos primeiros meses do ano 2020 continuou a tendencia de crecemento da demanda turística e as expectativas para a temporada alta eran moi positivas. Pero ademais, neste contexto de crecemento, o Ano Santo 2021 presentábase como unha oportunidade para consolidar a Santiago como un destino global, con presenza de turistas, visitantes e peregrinos procedentes de todo o mundo, conseguindo alcanzar novos fitos na demanda turística da cidade.

Sen embargo, a aparición do Covid-19, coa declaración do Estado de Alarma en España o 14 de marzo e con medidas similares en múltiples países para tentar controlar a expansión da pandemia, incluido Portugal, mudou completamente o escenario.

Neste momento, a realidade é que o sector turístico compostelán sufriu un peche obrigado de máis dous meses, cunhas restriccións á mobilidade, e polo tanto a súa demanda, que apenas comezan a relaxarse. Hoxe a perspectiva é que a temporada central de verán pode comezar a partires do mes de xullo, cunha apertura controlada dos movementos internos en España e dentro da Unión Europea.

As perspectivas de cara ao este ano 2020 son complexas. O primeiro semestre do ano está sendo un semestre moi duro, de parálise no sector, cun impacto moi forte na economía das empresas. O segundo semestre será un semestre difícil, no que teremos que acostumarnos a vivir na “nova realidade” xerada polo Covid-19.

Dende Turismo de Santiago estamos traballando para que este segundo semestre sexa un semestre de recuperación do sector, no que podamos manter a infraestructura turística da cidade, evitando peches e reducindo a perda de empregos.

Para iso, xa o pasado 29 de abril, aprobamos un Plan de Accións para a reactivación do sector turístico da cidade, que parte de tres liñas estratéxicas: Análise dinámica da situación e evolución do Covid-19 nos nosos diferentes mercados emisores estratéxicos para poder tomar medidas concretas dirixidas a cada mercado; Accións dirixidas á captación e recuperación da demanda turística e ao posicionamento da cidade, incluindo unha potente campaña de promoción denominada “Campaña Ultreia”, en referencia ao saúdo que dende a Idade Media significa para os peregrinos o desexo de camiñar con valentía cara unha meta común; eLiñas de apoio dirixidas ao sector para contribuir ao seu sostemento directo e a súa recuperación.

En conxunto, o Plan de Accións inclúe 16 medidas concretas e ten un obxectivo a curto prazo moi claro: recuperar oantes posible o posicionamento de Santiago como un destino turístico de calidadee acolledor. Para isto é fundamental transmitir a imaxe dunha cidade segura dendeo punto de vista sanitario.A curto prazo o obxectivo é captar turismo peninsular que queira pasar uns días dedescanso en destinos de proximidade, nunha cidade tranquila e sen caer en aglomeracións.

No momento actual, a comezos de xuño, o futuro preséntase imprevisible. Non temos idea de como impactarán a curto e medio prazo nos movementos turísticos as medidas que temos e teremos que adoptar na nova realidade. Tampouco sabemos cando se terá unha vacuna ou un tratamento eficaz contra o Covid-19 que permitan superar as limitacións desta nova realidade.

Temos moitas incógnitas e dúbidas. Pero dende Turismo de Santiago temos claros dous feitos. Por unha banda, hai un desexo moi forte en colectivos importantes de poboación de moverse, de voltar a rúa, de voltar a viaxar e facer turismo. Pensamos que isto é así porque o turismo forma parte xa da nosa vida e, dun xeito ou outro, cunhas medidas ou outras, estamos convencidos que haberá movemento turístico porque hai unha necesidade de coñecer e disfrutar doutros lugares.

Por outra banda, no 2021 celebramos un novo Ano Santo. Trátase dun Ano Santo que era moi agardado, xa que se produce nun periodo longo depois de 11 anos do último, que tivo lugar no 2010. Tamén era moi agardado porque terá lugar despois dunha gran traballo de recuperación e rehabilitación da Catedral, que o ano que ven estará no seu máximo esplendor.

Partindo destas dous premisas, a vontade de facer turismo e o Ano Santo 2021, máis aló das incertidumes respecto de como será a nova realidade, pensamos que o próximo ano será unha gran oportunidade para Santiago, o Camiño de Santiago e para todo o Eixo Atlántico, onde hai multitude de Concellos e poboacións que teñen unha dependencia importante do Camiño.

Antes do pasado mes de marzo concebíamos o Ano Santo 2021 como unha oportunidade para consolidar a Santiago como un destino turístico global. Hoxe, tres meses despois, vivindo no comezo desta nova realidade imprevista xerada polo Covid-19, concebimos tamen ao Ano Santo 2021 como unha oportunidade, pero neste caso como unha oportunidade para recuperar o noso posicionamento e recuperarnos canto antes do impacto da pandemia no sector turístico da cidade.

Para aproveitar este novo Ano Santo imprevisto pensamos que temos que facer un gran exercicio colectivo dende o ámbito público e privado. Temos que facer un esforzo moi importante para garantir que o Camiño de Santiago e todas as localidades que percorre sexan espazos seguros dende o punto de vista sanitario, onde se cumpren todas as medidas necesarias que permitan vivir con seguridade a experiencia única do Camiño.