Skip to main content

Reforcemos o municipalismo 

Reforcemos o municipalismo 

Artigo de opinión de José Tomé Roca,  alcalde de Monforte de Lemos

Moitas veces, as circunstancias excepcionais poñen de manifesto a necesidade de resolver vellas deficiencias se queremos loitar con éxito contra novos desafíos. O acontecido arredor da pandemia da Covid-19 puxo de manifesto, unha vez máis, a importancia da Administración local para atender as necesidades das persoas. 

O Concello é sempre a primeira porta á que chaman os veciños e veciñas, a administración máis próxima. E máis,  nunha crise destas dimensións, ante a que demandan sobre todo tres cousas: información, servizos públicos e proxectos de futuro.  

O primeiro que necesita a cidadanía é información para obter tranquilidade e certezas. A Administración local é a que reconvirte en algo concreto, axustado ó día a día, as indicacións de decretos e medidas oficiais. É a administración que traduce o recollido polo BOE e o DOG en accións reais.

Xunto coa información, a cidadanía necesita servizos públicos, e o Concello xoga un papel fundamental, tanto na súa prestación, como para garantir que cheguen a toda a cidadanía. A crise está demostrando, unha vez máis, que uns servizos públicos de calidade e un sistema de protección social que non deixa á cidadanía á súa sorte son os mellores garantes de resistencia en situacións excepcionais coma esta. 

Apuntalada coa información e os servizos públicos a loita contra a crise, é preciso pensar no futuro; preparar a volta á normalidade e os plans de axudas para as persoas e o tecido produtivo. Os veciños e veciñas miran cara o seu Concello para que escoite as súas necesidades e apoie os seus proxectos empresariais, os seus negocios e os seus empregos, e para que lle informe das liñas de axudas dispoñibles, sexan ou non municipais, porque, con independencia da administración concreta que convoque as axudas, para moitos veciños, a liña para chegar a elas pasa sempre polo seu Concello.

Como Alcalde, quero agradecer a responsabilidade, o civismo e a disciplina dos veciños e veciñas de Monforte á hora de seguir as indicacións das autoridades gobernamentais para frear a expansión da pandemia. Tamén quero deixar constancia dun recoñecemento expreso do traballo desenvolvido polos empregados públicos municipais, Policía Local Protección Civil e bombeiros. Todos traballaron con gran compromiso para atender as necesidades dos veciños e veciñas e salvagardar a súa saúde e calidade de vida.

Penso tamén que, de cara ó futuro inmediato, as mellores ferramentas para retornar á normalidade son as mesmas que nos demandaron os veciños durante este dous meses: información, servizos sociais e proxectos de futuro. Pero para poder seguir contando con estas tres ferramentas, é necesario reflexionar e mellorar a situación da Administración local. En definitiva, fortalecer o municipalismo.

A crise foi nova, pero no eido municipal puxo de manifesto problemas vellos. Os concellos galegos seguimos sen contar co financiamento adecuado para desenvolver todas as tarefas que nos corresponden de acordo co noso ordenamento xurídico. Ademais, na última década, asistimos ó feito insólito de ter que asumir, de facto, competencias que deberían ser desenvolvidas pola Administración autonómica, sen que esta nos transfira os recursos económicos necesarios para poder facelo.

Esta situación xera unha sobrecarga económica insostible é, ó mesmo tempo, sitúa ós concellos nunha sorte de limbo competencial en moitas materias. Así, damos resposta á demanda cidadá en áreas como a atención ó domicilio ou a dependencia, sen contar nin cos recursos, nin co marco legal axeitado. Isto xera en ocasións situacións insólitas, nas que a administración autonómica, que abandona a súa competencia e non achega cartos, “reprende” a unha administración local por facer fronte cos seus propios fondos a unha necesidade cidadá. Ou se reclama a un concello medidas concretas de apoio á industria ou o comercio local cando dende a Administración autonómica non se ten deseñado ningún plan xeral de apoio.

Esta insuficiencia orzamentaria é un vello problema do municipalismo no noso país. Un problema que, paradoxicamente, non mellorou coa chegada da Autonomía, que ten consolidado unha sorte de novo centralismo que actúa como se Galicia rematase en San Caetano.

É imprescindible mellorar dunha vez o financiamento dos nosos concellos, para adaptar os fondos dos que dispoñemos á realidade dos servizos que xestionamos e que prestamos. Un financiamento que debe incluír criterios, como o envellecemento da poboación, o despoboamento, a dispersión dos núcleos ou o carácter rural.

Esta mellora do financiamento ten que vir tamén acompañada dun replantexamento xeral das relacións entre as distintas administracións do Estado, evitando posturas paternalistas que non deberían ter cabida no século XXI. 

A relación entre administracións -estatal, autonómica e local -  ten que ser unha relación entre iguais, marcada só polo diferente marco competencial que fixa o ordenamento constitucional e legal. Non existe unha xerarquización moral ou ética entre administracións.

A Administración local demostrou, unha vez máis, durante a crise da Covid-19, que é a administración máis próxima á cidadanía. Que é unha administración áxil, capaz de conxugar a rapidez de resposta coa transparencia e o respecto á legalidade. Que é unha administración eficaz, que optimiza o investimento, xa que é a que ten o coñecemento máis preciso do territorio e a poboación. E, sobre todo, que é unha administración leal, que traslada ós veciños as medidas adoptadas dende os poderes autonómico e estatal, sen enfrontamentos nin partidismos que os veciños non tolerarían nun momento de emerxencia. Unha administración capaz de atender demandas para as que, insisto, non ten nin fondos nin cobertura, porque sabe que a chamada dun veciño non pode quedar sen resposta.

Por iso, penso que, para afrontar e saír da crise, é fundamental o reforzo do municipalismo. Para poder informar, precisamos que antes se nos escoite, que se teñan en conta as nosas opinións e necesidades. Para poder garantir os servizos públicos precisamos apoio orzamentario e cobertura competencial. E para facer plans de futuro precisamos camiñar da man do resto das administracións do Estado, nun novo modelo de relación baseada na colaboración, na igualdade, no respecto e na suficiencia orzamentaria.