Galicia na Unión Europea: unha avaliación global
Artigo de opinión de Xoaquín Fernández Leiceaga, portavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
En primeiro lugar, a adhesión de España á UE, foi, globalmente, unha boa oportunidade para Galicia, con tres elementos destacados:
A pertenza á UE significou estabilidade no crecemento. Houbo un salto adiante nas condicións de vida, grazas a un incremento substancial da produtividade e ao transvase sectorial. De Europa chegaron recursos financeiros precisos para a modernización e un entorno de baixa inflación que axudaba a impulsar o investimento, con regras progresivamente adaptadas ás europeas.
A integración no mercado europeo favoreceunos. Somos unha rexión cunha abertura comercial elevada, un intenso comercio intraindustrial e un superávit consistente no comercio de bens coa UE. Galicia adaptouse ben a contornas tan esixentes como as europeas. Especializámonos nas producións tradicionalmente exportadoras e levamos a Europa algunhas especializacións recentes no mercado español (automóbil e confección, viño).
A política rexional comunitaria achegou recursos para a capitalización pública e privada (Fondos de Cohesión, FEDER e outros) que elevaron a dotación de infraestruturas e favoreceron o dinamismo empresarial. Estes fondos substituíron a unha política rexional española progresivamente débil. Cuestión diferente, e xa de índole interna, é a de se fixemos o uso máis eficiente dos mesmos.
Fondos que deben continuar para paliar a tendencia á polarización espacial que os estudos sinalan nos últimos anos. Temos que evitar a dualización espacial de Europa. Esta é a tarefa principal dos poderes rexionais.
En segundo lugar, cómpre resolver os déficit na construción europea que saíron á luz durante a crise, e que tanto nos afectaron nos últimos anos.
Construímos un sistema unificado e adoptamos unha moeda única sen compensar o funcionamento do mercado e unha gobernanza adecuada. Isto facilitou a aparición de desequilibrios na zona do euro (en particular, os excedentes comerciais alemáns e os déficit noutras economías). O euro, por un tempo, complicou a situación dos estados afectados pola crise financeira global: racionamento do crédito e intensificación da crise de demanda, explosión sen control da burbulla financeira.
Como consecuencia, algúns países experimentaron un desemprego rampante, con ferramentas insuficientes para afrontalo, ao que se uniu a insensibilidade e miopía dos estados gañadores da crise do euro. A pertinaz aposta por unha política de axuste en estados que non a precisaban e podían, coa súa expansión, beneficiar ao conxunto, fixo moito dano á UE, impulsando desafíos populistas ao sistema político, expresados como unha nostalxia dun mítico estado nación todopoderoso.
Construímos un gran mercado pero non fomos capaces de activar mecanismos de estabilización do mesmo (por exemplo, os que ten EEUU), garantía de estabilidade. Os avances recentes na Europa financeira (mecanismo de supervisión única e resolución bancaria); e o uso sabio dos recursos do BCE por M. Draghi, certamente na fronteira co seu mandato legal (estabilidade de prezos) permitiron sortear o precipicio pero precisan completarse, pois carecemos aínda dos mecanismos esenciais para facilitar o afortalamento dunha área de moeda común: nin estabilizadores automáticos (por exemplo, o seguro de desemprego, cun mínimo a nivel europeo. O pilar europeo de dereitos sociais, intento positivo pero insuficiente); nin unha facenda federal, para que o Goberno europeo poida actuar politicamente, promovendo o crecemento e a cohesión social.
O que require a creación dun espazo fiscal común europeo. Por que non un imposto de sociedades mínimo (con recargos nacionais) xestionado a nivel europeo? Reduce a fraude, evitar a competencia fiscal descendente destrutiva e facilita a competencia leal entre as empresas.
Por último, cara ao futuro. Tanto o BREXIT como eventuais turbulencias futuras indican a necesidade política e social de abandonar o método Schumann e de facer avanzar a UE: non hai alternativa á integración.
A cuestión é como. Non semella haber tampouco respaldo suficiente para un avance federal consistente. Europa foi un experimento de enorme valor desde o inicio; continuemos, e tomemos prestado de Frey a concepción dun federalismo asimétrico desexado e consistente (“os que desexen facer máis, que fagan máis”), xa presente hoxe na realidade europea; introducindo a eficiencia (“o que fagamos, facelo ben”). Por tanto reforzando a asimetría entre un corazón central (con euro+ parlamento + cooperación reforzada no dominio militar, seguridade, etc); unha primeira periferia (con mercado único + decisión no consello +….); e unha segunda periferia, aínda menos integrada. Eu creo que a España (e a Galicia) interésalle estar na primeira.
Por último: que pintan as rexións? De momento a construción europea está modulada nos seus ritmos, nos acordos e desacordos polos estados. E, de xeito moi importante, a solidariedade social aínda ten unha expresión central no ámbito dos estados nación. Na miña opinión, só cando se produza o duplo movemento de construír unha facenda federal sólida e un nivel federal de goberno democrático podemos debilitar máis o ámbito estatal de solidariedade. Nese momento as rexións poderán comezar a ter unha interlocución co nivel europeo que vaia significativamente máis alá do actual. Mentres, a participación terá que facerse por medio de mecanismos no interior de cada estado (mecanismos que deben ser perfeccionados e ampliados)