Europa na encrucillada ideolóxica
Artigo de opinión de José Luis Méndez Romeu, ex-secretario de Estado de Cooperación Territorial, sobre o futuro da Unión Europea
Poucas veces a Unión Europea atopouse nunha situación tan crítica como hoxendía. Ao “Brexit” engadese a deriva do grupo de países denominado Visegrád (Polonia, Hungría, Eslovaquia, Chequia ) que rexeitan a axenda social así como as ameazas que agroman en Holanda, Franza e outros países, de abordar procesos semellantes ao Brexit, a medio de consulta directa ós cidadáns. Ainda que sabemos que os referéndum, obrigan a unha simplificación dos debates e a unha polarización absoluta, os argumentos a favor teñen sobre todo a carga de emotividade, tan importante na política moderna. Doutra banda, a progresión electoral dos partidos radicais no espectro da dereita, en Alemaña, Franza, Italia, Dinamarca, Austria, etc e sobre todo a evidencia de que a política comunitaria fronte á crise só deixa como beneficiarios ou gañadores ás grandes empresas, tamén está minando por dentro as conviccións europeístas.
Foi un lugar común do discurso político durante décadas, “o déficit democrático da UE”. Hoxe ni hai discurso pois é una evidencia. Temos un Parlamento Europeo de pouca relevancia fronte a institucións executivas e dependentes dos Gobernos nacionais, máis fortes e cunha axenda claramente definida. En troques, xurde unha contestación ampla á idea da Unión, entendida como mercado e non como obxectivo político. A inmigración e os refuxiados, problemas transversais, teñen cuestionado a adhesión dos cidadáns a unhas políticas difícilmente intelixibles, cando non directamente falsas. Por exemplo os cupos de refuxiados pactados logo de moitos atrancos, non foron cumplidos por ningún país.
Fronte ás políticas evanescentes das institucións europeas, o Banco Central Europeo tense transformado en axente executivo, e tamén executor no marco da troika, dunha política de salvamento financieiro dos países. A enorme literatura precedente sobre o papel das institucións supranacionais en crises semellantes, en todalas latitudes, debería de termos vacinado contra a credulidade. Non é así e seguimos confiando que nos leven a bo porto, ainda que todolos indicadores económicos nos devolvan á realidade. Mentras os países do Mediterráneo europeo están afogados polo peso da débeda e as esixencias de Alemaña, que encabeza aos países máis saneados non minoran, a Unión como proxecto colectivo vaise cuarteando nunha solución pragmática de “varias velocidades”. En román paladino, cada quen que faga como poida.
Para as rexións comunitarias periféricas, entre elas Galicia, a situación é mala. As políticas de cohesión europeas, que tantos recursos teñen aportado, serán reducidas, e as novas prioridades acentuarán as necesidades dos contribuintes netos ós orzamentos comunitarios.
Compriría, xa que logo, ter ben definidas as prioridades do país que necesitan financiamento exterior e actuar en consecuencia. Non é algo doado e que non teña custos de imaxe importantes. En consecuencia esas prioridades son sustituidas por unha retórica engañosa, onde a definición dos obxectivos non se corresponde cos recursos adicados nin cos resultados do esforzo. A esa disonancia entre realidade e discurso agora lle chamamos posverdade cando non deixa de ser propaganda.
No medio desa confusión, atopamos a claudicación da socialdemocracia europea diante da crise. De xeito incomprensible, ten lexitimado as medidas dictadas pola maioría conservadora, coas consecuencias electorais que agora observamos nidiamente: a progresiva desaparición como forza de goberno alternativo. Non podemos laiarnos da resistible ascensión electoral do populismo en tantos países. Como nos anos posteriores á Gran Guerra, a ausencia dun discurso coherente alternativo deixa aos grupos máis manipuladores das emocións e menos vencellados ás políticas realistas, como os únicos vehiculadores da frustración colectiva e das arelas de cambio.
Nada esta perdido como nada está gañado. A política europea tamén é unha construcción cotiá, na que os partidos políticos xogan o mesmo rol que dentro dos Estados: encauzar as demandas sociais. Que no sexaxésimo aniversario da UE, constatemos a inexistencia de partidos europeos, resume a magnitude do problema.