Do Fiat Europa ao Quo Vadis Europa?
Artigo de opinión sobre o futuro da Unión Europea de Luis Domínguez Castro, titular da Cátedra Jean Monnet na Universidade de Vigo
Vai sesenta anos, na Cidade Eterna, seis Xefes de Estado e de Goberno infundiron o sopro creador que fixo posible que a Unión Europea que hoxe coñecemos tomara corpo. Nestes tempos de tribulación populista e asemblearia é bo lembrar que as Comunidades Europeas botaron a andar por consenso permisivo. É dicir, en ningún dos seis Estados se convocou referendo para ratificar ou non o Tratado de Roma. Seguindo a mellor tradición liberal e democrática, entendeuse que a soberanía residía nos respectivos Parlamentos emanados da vontade popular libremente expresada e foi neses foros onde se deu o consentimento para comezar a facer camiño de integración e de unidade. O recurso aos referendos ten moito máis que ver con tácticas político-electorais de curto prazo que coa lexitimidade democrática. Liderar implica tomar decisións as veces impopulares pero necesarias. Como ven dicía Jean Monnet nada se pode facer ou construír sen persoas que lideren. Velaí unha primeira lección de futuro.
Os chamados pais fundadores ― certamente tamén se debería falar dalgunha mai que tivo o seu papel naquela empresa ― estaban estimulados por dúas ameazas moi reais. A máis importante era a ameaza da guerra tan recente e devastadora co seu corolario de violencia, medo e xenreira contra o outro máis alá de 1945. A segunda, non menor, era a ameaza do comunismo soviético coa súa sombra totalitaria. Sen esas dúas ameazas é moi probable que o modelo intergobernamental británico se impuxera ao funcionalista franco-xermano, desbotado como foi o federalista supranacional por non querer recoñecer o papel central dos gobernos nacionais consolidados na súa lexitimación pola bonanza económica e o welfare state da posguerra. Europa avanza cando se sente ameazada e coinciden os intereses de Francia e Alemaña. Unha segunda lección de futuro agora que se retiran os británicos, se debilita a alianza atlántica ― que cómpre restaurar e fortalecer ― e se albiscan no horizonte as gadoupas do oso ruso e do dragón chinés.
A Unión Europea afincouse desde a Comunidade Económica Europea. Sempre é máis fácil poñerse de acordo nos intereses materiais compartidos que xeran beneficios mutuos, aínda que desiguais. A alma liberal da UE abriuse paso desde a unión aduaneira ata a moeda única, pasando polo mercado común e as catro liberdades. A alma social encontrou acubillo na cohesión económica, social e territorial. A historia da integración europea é, como non podía ser doutro xeito, unha historia de equilibrios entre esas dúas almas e entre as posturas defensoras das soberanías nacionais e aquelas partidarias dunha maior institucionalización supranacional. Unha terceira lección de futuro. Non hai camiños fáciles e rápidos cara unha maior integración. Os equilibrios entre os intereses nacionais e os intereses europeos marcan o paso pero a dirección é sempre a mesma e leva a Europa a través das institucións que son o gran achado, a gran singularidade deste proceso. Como ven dicía Jean Monnet nada pode durar sen institucións.
A intensa e demorada crise dos sistema capitalista neoliberal que vimos atravesando puxo sobre a mesa as deficiencias dunha integración centrada na economía e non nos valores compartidos que se salientan no Tratado de Lisboa. Cando todo comezaba, no Congreso de Europa celebrado na Haia, en maio de 1948, o Movemento Europeo dotouse de tres seccións: unha política, unha económica e social e unha terceira cultural ― presidida por certo por un español, galego de nación, Salvador de Madariaga ― os británicos que daquela dominaban o escenario eran moi conscientes da importancia de construír un relato, unha narrativa sólida, a partir da cultura, para a Europa unida. Infelizmente, a perda de interese británico coincidiu co abeiramento da cultura como un dos piares da integración. Cando chegou a crise máis seria do proceso, a UE non tiña un relato capaz de afrontar os malos tempos mancomunadamente. Unha cuarta lección de futuro, Europa será unha comunidade de valores ou non será.
A Unión Europea é unha realidade plural, libremente consentida. Precisa de líderes visionarios e xenerosos que guíen as súas nacións polo camiño da integración. A divisa “unidos na diversidade” ten todo o sentido. Unidade nos valores irrenunciables que recolle o Tratado de Lisboa. Diversidade nas singularidades nacionais e nos ritmos da integración. Unha quinta e última lección de futuro.