Skip to main content

A Unión Europea: do letargo ao seu renacemento

A Unión Europea: do letargo ao seu renacemento

Artigo de opinión de Luis Villares Naveira, voceiro de En Marea, sobre o futuro da Unión Europea

A velocidade coa que transcorren os fenómenos sociais, políticos e económicos, produce que a realidade sexa cada vez mais difícil de comprender e analizar e polo tanto, ofrecer solucións aos conflitos existentes vólvese unha tarefa mais complexa.

Isto é o que está acontecendo na Unión Europea durante os últimos anos. Dende o comezo da crise, a sucesión de fenómenos dentro do espazo europeo son múltiples acontecendo todos eles con enorme rapidez; a crise de débeda e a consecuente crise do euro, os conflitos na fronteira con Rusia, a chegada desesperada de decenas de miles de refuxiados, o ascenso ao goberno de partidos ultra no este de Europa, o auxe dos partidos xenófobos nos países centrais da Unión, o referéndun en Escocia, o Brexit, a ameaza nas eleccións francesas e mais recentemente en Alemaña, o profundo conflito territorial que acontece en España ou os futuros referenduns que se promoverán en Italia.

Todos estes feitos nos indican que a Unión Europea algo está facendo mal e que polo tanto, ou se mudan determinadas políticas ou as continuas tensións e imprevisibles consecuencias seguirán acompañando durante anos.

A Unión Europea é un espazo moi diverso, heteroxéneo con intereses contraditorios entre os diferentes Estados e nacións que a forman, pero que durante anos conseguiu xerar un aumento da calidade de vida nos diferentes países, especialmente naqueles que comezaban unha nova era despois de anos escuros. Pero durante os últimos lustros foi abandonando gran parte desas ideas e políticas que conduciron a ese maior benestar da cidadanía e foi adoptando ao mesmo tempo certas doutrinas do capitalismo mais salvaxe. Como consecuencia, as desigualdades sociais e as desigualdades rexionais foron aumentando, e isto resulta ser un aspecto fundamental. Na desigualdade está unha das principais claves da estabilidade política e progreso social.

Europa foi precursora a nivel mundial da loita contra a desigualdade social e durante décadas conseguiu desenvolver un modelo profundamente inclusivo que aseguraba o benestar dunha gran maioría social. Na actualidade, e especialmente nos territorios do sur, o benestar da maioría social xa non está asegurado. Os índices de paro, especialmente o que sofren os colectivos mais vulnerables como as mulleres ou os xóvenes, resulta ser totalmente inconcibible en Estados como Grecia, España, Italia ou Portugal. Ante isto, como vai ser apoiado un proxecto pola maioría social cando non é capaz de garantir as perspectivas de futuro á cidadanía?

Pero todo isto non nos debe conducir á desesperación nin nihilismo senón que ten que servir de estímulo para o cambio . A Unión Europea ten amplo marxe para mudar moitas políticas; temos recursos económicos, contamos cunha rede de protección social que se da en moi poucas partes do resto do mundo, Europa conta coas xeración mozas mais preparadas da historia, temos mais tecnoloxía que nunca e Universidades punteiras. Os cambios son cuestións de vontade e se temos vontade temos os recursos dispoñibles.

Pero ademais, a UE ofrécelle a Galicia unha posibilidade que non teñen todos os territorios do espazo común e é o feito de poder dispoñer e desenvolver unha area transfronteiriza única en Europa, que acada unha poboación aproximada de 6,5 millóns de habitantes e con dúas linguas irmáns. Se sabemos empregar isto con intelixencia, potenciando as infraestruturas que nos conectan, fomentando as sinerxías entre as nosas empresa ou o turismo de proximidade, os beneficios poden chegar a multiplicarse para os dous territorios.

A Unión Europea e os diferentes territorios temos que saber aproveitar as fortalezas existentes, para ofrecerlle a maioría social unha perspectiva de futuro e xerar desta xeito un proxecto lexitimado pola cidadanía. Para iso, a UE precisa dunha reforma política que a democratice e que atenda á complexidade, por dimensión e por heteroxeneidade, dese proceso democratizador.