A longametraxe, escrita e dirixida por Raul Veiga, proxectarase o 12 de novembro, ás 20:00 horas, nos Cines Tamberlick
Vigo acollerá o vindeiro xoves, 12 de novembro, a estrea de «A avoa e o amor», unha comedia dramática escrita e dirixida por Raul Veiga, cun elenco integrado por intérpretes galegos e portugueses. A proxección terá lugar ás 20:00 horas nos Cines Tamberlick.
A película, rodada en portugués e galego, transcorre principalmente en Ponte de Lima e nas súas proximidades, con algunhas escenas filmadas en Vigo. A historia segue a dous irmáns, Mafalda e Diego, que, tras anos afastados da súa avoa Pilar por conflitos familiares, reciben como herdanza a casa rural na que ela vivía, no norte de Portugal, xunto cun sorprendente desafío que os levará a redescubrir os vínculos familiares, o amor e a súa propia identidade.
Con 97 minutos de duración, a longametraxe aborda cuestións como a memoria, a familia, a identidade e a relación entre Galicia e o norte de Portugal, nunha historia que tamén reivindica os lazos culturais e lingüísticos que unen ambos os territorios.
O elenco está formado por Francisca Sobrinho, Tiago Araújo, Xosé Barato, António Capelo, María Barcala, Artur Trillo, Isabel Vallejo, João Cardoso, Manu Fernández e Elena Seijo, entre outros intérpretes.
As entradas están dispoñibles en liña. Máis información sobre a película en aavoeoamor.com.