O Consello Estratéxico do Eixo Atlántico aborda en Santa Maria da Feira os actuais retos de Galicia e do Norte de Portugal
A segunda sesión do órgano consultivo analizou o impacto do envellecemento, da inmigración e da crise da vivenda na realidade dos municipios e no deseño das políticas públicas do futuro
O Consello Estratéxico do Eixo Atlántico reuniuse en Santa Maria da Feira para celebrar a súa segunda sesión de traballo, centrada na actualización da Axenda Urbana do Eixo Atlántico para a Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal e na análise dos grandes desafíos territoriais, sociais e económicos que marcarán o desenvolvemento das cidades nas próximas décadas.
A reunión, celebrada no Europarque, permitiu avanzar no proceso de revisión da Axenda Urbana Transfronteiriza, un documento estratéxico pioneiro no ámbito europeo que o Eixo Atlántico aprobou hai unha década e que agora será actualizado para responder a un contexto internacional marcado pola incerteza, as transformacións tecnolóxicas, a transición enerxética e os cambios demográficos.
Ao longo da xornada, os integrantes do Consello Estratéxico analizaron cuestións como o impacto do envellecemento e da perda de poboación, así como o papel da inmigración no equilibrio territorial e na cohesión social e económica da Eurorrexión; a forma de afrontar a crise da vivenda e a necesidade de reforzar as políticas públicas destinadas a garantir un desenvolvemento sustentable e equilibrado da Eurorrexión no seu conxunto.
O debate centrouse tamén no papel dos municipios ante retos como a vivenda, a sustentabilidade, a competitividade económica e a transición enerxética. Neste sentido, os participantes coincidiron en que as cidades e os gobernos locais están chamados a desempeñar un papel cada vez máis relevante na planificación do territorio e na construción dunha sociedade máis cohesionada, resiliente e preparada para afrontar os cambios globais.
O Eixo Atlántico foi pioneiro na elaboración da primeira axenda urbana transfronteiriza da Unión Europea. Dez anos despois da súa aprobación, a actualización deste documento estratéxico pretende incorporar novos elementos como a intelixencia artificial, a dixitalización, a autonomía enerxética, a seguridade europea e os desafíos derivados do acceso á vivenda e da transformación do mercado laboral.
A Axenda Urbana do Eixo Atlántico non pretende substituír a planificación desenvolvida polos concellos membros, senón ofrecer un marco común e unha visión compartida para o conxunto da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, un territorio de máis de sete millóns de habitantes que constitúe unha das principais áreas urbanas da Península Ibérica.
O proceso de actualización contempla, ademais, a participación activa da cidadanía, da sociedade civil e de expertos de diferentes ámbitos, mediante consultas públicas, entrevistas e espazos de debate, co obxectivo de construír unha estratexia común capaz de anticipar os retos do futuro.
Está previsto que a nova Axenda Urbana sexa sometida á aprobación dos órganos de goberno do Eixo Atlántico no primeiro trimestre de 2027, mentres que o correspondente Plan de Acción será presentado antes de finalizar ese mesmo ano.
Con esta segunda reunión, o Consello Estratéxico consolídase como un espazo de reflexión e análise no que responsables políticos e expertos achegan coñecemento e experiencia para identificar estratexias que permitan fortalecer a capacidade de resposta dos municipios ante os desafíos económicos, demográficos e territoriais aos que se enfronta a Eurorrexión.