O Barco de Valdeorras acolle ao alumnado de Braga nos V Encontros Escolares do Eixo Atlántico
O CEIP Ramón Otero Pedrayo de Viloira, no concello do Barco de Valdeorras, recibiu este mércores ao alumnado da cidade de Braga que participa na quinta edición dos Encontros Escolares do Eixo Atlántico, un programa de intercambio educativo entre Galicia e o norte de Portugal. 
Esta iniciativa reúne a estudantes de 11 e 12 anos dos dous territorios co obxectivo de fomentar a convivencia, o coñecemento mutuo e o achegamento cultural a través de actividades conxuntas.
En total participan arredor de 50 persoas, entre alumnado de Braga e do Barco, acompañados polo profesorado de ambos centros e persoal dos respectivos concellos. Durante a xornada de benvida, o grupo foi recibido pola comunidade educativa no centro de Viloira, nun acto que contou coa participación da concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta.
Ao longo do día, os participantes desfrutaron de xogos populares e dunha xincana polo Paseo do Malecón, baixo o título “A Vía Nova romana: o camiño que nos une desde hai dous mil anos”, unha actividade orientada a poñer en valor a historia común e o patrimonio cultural do territorio.
O programa continuará mañá cunha visita a unha empresa local de extracción e elaboración de lousa, así como cunha recepción institucional no Concello do Barco de Valdeorras.
Os Encontros Escolares do Eixo Atlántico desenvólvense cada ano entre concellos de Galicia e do norte de Portugal integrados nesta entidade transfronteiriza. En edicións anteriores, o alumnado do Barco participou en intercambios con cidades como Vila Real (2024) e Santa María da Feira (2025), experiencias que contribuíron a fortalecer os lazos educativos e culturais entre ambos lados da fronteira.
O intercambio completarase a mediados de mes coa viaxe do alumnado do CEIP Ramón Otero Pedrayo de Viloira a Braga, onde continuarán as actividades conxuntas co centro educativo portugués.
https://www.eixoatlantico.com/es/noticias/eixo-atlantico/o-barco-de-valdeorras-acolle-ao-alumnado-de-braga-nos-v-encontros-escolares-do-eixo-atlantico#sigProIdefdd37bcd8