Comezan os Xogos do Eixo Atlántico co gran desfile dos participantes polas rúas de Lugo
A competición desenvólvese do 5 ao 9 de xullo en Lugo, Sarria e Monforte
Deportistas, romanos, bandeiras, castrexos, xigantes ou cigarróns. As rúas de Lugo presenciaron este martes, 4 de xullo, un espectacular desfile cos preto de 1.900 participantes dos Xogos do Eixo, flanqueados por grupos etnográficos representantes dalgunhas cidades participantes, como é o caso dos romanos e castrexos de Lugo, os cabezudos de Viana do Castelo, os Cigarróns de Verín e os caretos de Macedo de Cavaleiros.
O desfile partiu da rúa de San Marcos, pasando pola Praza Maior, onde se izou a bandeira dos Xogos e rematou na fermosa Praza de Santa María. Alí os representantes das entidades organizadoras, os concellos de Lugo, Sarria e Monforte, xunto coa Deputación de Lugo e o Eixo Atlántico, deron un breve saúdo aos rapaces e entregaron o Trofeo ao Xogo Limpo ao Municipio de Vila Nova de Gaia. Ademais, dous funcionarios da área de deportes, un galego, Miguel Domínguez, e outro portugués, Vicente Sousa, recibiron unha placa conmemorativa a modo de homenaxe pola súa implicación nas actividades de promoción do deporte impulsadas desde o Eixo Atlántico.
Nesta edición estarán representados 29 municipios e entidades de Galicia e do norte de Portugal: Lugo, Monforte e Sarria, Ourense, Pontevedra, O Carballiño, Santiago, Barco de Valdeorras, Carballo, Vigo, Vilagarcía, Riveira, Narón, A Coruña, Macedo de Cavaleiros, Matosinhos, Porto, Famalicão, Braga, Peso da Régua, Bragança, Maia, Vila Nova de Gaia, Vila Real, Valongo, Viana do Castelo, Guimarães, Santa Maria da Feira e a Eurocidade Chaves-Verín.
Competicións
As competicións terán lugar os días 5, 6, 7, 8 e 9 de xullo. Lugo acollerá as modalidades de fútbol, no campo municipal das Gándaras, baloncesto, no Pazo Provincial dos Deportes, atletismo e atletismo adaptado, nas Pedreiras, e natación e natación adaptada nas piscinas municipais de Frigsa. Pola súa banda, as competicións de voleibol celebraranse en Monforte e as de balonmán e ximnasia rítimica, deporte novidade desta edición, en Sarria.
Por último a clausura terá lugar o día 9, no Vello Cárcere, data na que tamén se celebrarán as finais.
Deporte adaptado
Como vén sendo habitual nos Xogos do Eixo, esta edición tamén integra dúas modalidades de deporte adaptado, natación e atletismo, coa participación de máis de 70 persoas, en liña coa filosofía do Eixo Atlántico de eliminar as barreiras e fomentar a participación de todos os rapaces.
Instituto Camões
Un aspecto sobresaliente desta edición é que por primeira vez se vai integrar a celebración dos Xogos coa promoción da cultura do país no que non se celebra a competición, neste caso Portugal.
Nesta edición, e a través dun acordo establecido entre o Eixo e o Instituto Camões de Vigo están previstas distintas actividades culturais durante a semana dos Xogos en Lugo, Sarria e Monforte. Así, haberá exposicións sobre a cultura e a historia do cine en portugués en Sarria e Monforte; e en Lugo o Vello Cárcere acollerá a proxección dun filme portugués e de curtas e unha peza de teatro dedicada á lingua portuguesa.
Calendarios competitivos: