A cerimonia inaugural celebrarase no Estadio Verónica Boquete de San Lázaro ás 18:30 horas, con 2.000 participantes de ata 14 anos de Galicia e do Norte de Portugal
A cidade de Santiago de Compostela acollerá desde este 5 de xullo unha nova edición dos Xogos do Eixo Atlántico, un dos grandes encontros deportivos xuvenís da Eurorrexión, que reunirá arredor de 2.000 participantes de ata 14 anos procedentes de 28 municipios de Galicia e do Norte de Portugal.
A cerimonia inaugural celebrarase finalmente no Estadio Verónica Boquete de San Lázaro, mantendo a súa convocatoria ás 18:30 horas, tras o cambio de localización motivado pola previsión de altas temperaturas e co obxectivo de garantir o benestar de todas as persoas asistentes.
Entre as principais novidades desta décimo sexta edición destaca a incorporación do voleibol masculino, un avance que permitirá acadar a plena paridade de xénero en todas as modalidades deportivas, reforzando así o compromiso do Eixo Atlántico coa igualdade de oportunidades.
Os Xogos desenvolveranse entre os días 6 e 10 de xullo e contarán con cinco modalidades deportivas principais: baloncesto, balonmán, voleibol, atletismo e natación, incluíndo tamén disciplinas adaptadas.
As competicións disputaranse en once instalacións deportivas distribuídas por todo o municipio compostelán. Os pavillóns municipais de Santa Isabel, Vite, Lorenzo de la Torre, Restollal, Pontepedriña e Fontiñas acollerán as probas de baloncesto, balonmán e voleibol. Ademais, tamén se competirá nos pavillóns dos centros educativos CEIP Pío XII, Roxos e Monte dos Postes, mentres que o CEIP Quiroga Palacios permanecerá como instalación de reserva. As probas de atletismo terán lugar no Estadio de Atletismo da USC e as de natación no Complexo Deportivo de Santa Isabel.
Os Xogos do Eixo Atlántico constitúen unha das iniciativas máis emblemáticas da cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal, fomentando a integración, a igualdade e a cooperación transfronteiriza a través do deporte.
Datos da cerimonia inaugural
📍 Estadio Verónica Boquete de San Lázaro
📅 5 de xullo
🕡 18:30 h