Skip to main content

A cerimonia de apertura dos XVI Xogos do Eixo Atlántico anticipa unha semana de deporte e intercambio cultural en Santiago de Compostela

A cerimonia de apertura dos XVI Xogos do Eixo Atlántico anticipa unha semana de deporte e intercambio cultural en Santiago de Compostela

O Estadio Verónica Boquete de San Lázaro acolleu a cerimonia de apertura dos XVI Xogos do Eixo Atlántico. No evento, que reuniu os máis de dous milleiros de rapazas e rapaces participantes nesta cita deportiva, estiveron presentes representantes das 28 delegacións galegas e portuguesas que toman parte nos Xogos

 A cerimonia foi precedida pola actuación dos cabezudos de Santiago de Compostela e por música e animación mentres as delegacións ían chegando ao recinto. Ás 18:30h deu comezo o acto, co desfile de abandeirados de cada unha das delegacións, tres das cales (Santiago de Compostela, Bragança e Viana do Castelo) foron acompañadas por cadanseu grupo etnográfico, pondo en valor a cultura local.  

O evento de apertura dos Xogos continuou coas intervencións da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, e o presidente do Grupo Temático de Deportes do Eixo Atlántico, Hernâni Ribeiro. Sanmartín Rei convidou a todas as persoas participantes nos Xogos a desfrutar desta cita deportiva e salientou a implicación de todo Santiago de Compostela para o desenvolvemento do evento en distintos pavillóns e espazos deportivos locais. A alcaldesa non quixo esquecer como os Xogos do Eixo Atlántico potencian e celebran a identidade común de Galicia e o norte de Portugal e a través dela promoven os hábitos de vida saudables e o deporte, ademais de valorar a plena paridade destes xogos. Pola súa parte, Hernâni Ribeiro lembrou no seu discurso o papel acolledor de Santiago de Compostela e chamou as e os participantes a defender as súas cidades “con orgullo” mais tamén “vivir a experiencia e facer amizades e crear memorias para a vida”.

A cerimonia proseguiu coa entrega do Trofeo do Xogo Limpo Nelson Cardoso, unha distinción que recoñece as actitudes e comportamentos eticamente exemplares demostrados por atletas, adestradoras/es, dirixentes e demais persoas implicadas nos Xogos ná súa anterior edición. Este trofeo foille entregado, por parte do presidente do Grupo Temático de Deporte, Hernâni Ribeiro, á delegación do municipio portugués de Amarante, representada polo concelleiro da súa Cámara Municipal, Ricardo Vieira. 

Posteriormente, chegou o momento da homenaxe que en cada edición se rende a unha persoa vinculada ao mundo do deporte pola súa contribución aos Xogos do Eixo Atlántico. Nesta ocasión, a distinción recaeu en José Guilherme Aguiar, quen  como concelleiro de Deportes de Matosinhos organizou a IX edición dos Xogos, alén da XI como alcalde de Vila Nova de Gaia en en colaboración con Porto e Matosinhos. Fixéronlle entrega da distinción a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e o secretario xeral Xoán Vázquez Mao. 

A cerimonia pechouse coa declaración oficial da inauguración, que foi lida por unha nena e un neno participantes nos Xogos, acompañados pola alcaldesa e pola concelleira de Deportes de Santiago de Compostela, Pilar Lueiro.

Seis modalidades e 2.000 deportistas 

OS XVI Xogos do Eixo Atlántico son a máis recente edición deste evento bianual que xunta milleiros de mozas e mozos de Galicia e Norte de Portugal. É a segunda vez que Santiago de Compostela acolle estes Xogos tras os de 2005. As competicións terán lugar entre mañá luns 6 de xullo e o venres 10. 

Esta é a primeira edición completamente paritaria dos Xogos do Eixo Atlántico, con equipos masculino e feminino en todas as competicións. Trátase de baloncesto, balonmán, voleibol, atletismo e natación. Nestas dúas últimas haberá, ademais, modalidade adaptada. 

Nestes XVI Xogos do Eixo participan vinte e oito concellos de Galicia e do Norte de Portugal. Pola banda galega son dez: Santiago, Ourense, Lugo, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Carballo, Ribeira, O Barco de Valdeorras, Sarria e Monforte de Lemos. Suman 742 persoas entre todas as delegacións. 

Pola banda portuguesa, acoden a Santiago 18 municipios do país veciño. Son os de Matosinhos, Maia, Felgueiras, Vila Nova de Famalicão, Braga, Viana do Castelo, Bragança, Porto, Valongo, Vila Nova de Gaia, Amarante, Vila do Conde, Fafe, Vila Real, Peso da Régua, Santa Maria da Feira, Barcelos e Guimarães. En total, 1459 persoas chegan a esta cita desde Portugal. 

As competicións terán lugar repartidas entre once espazos deportivos de todo o municipio, na zona urbana e na área rural. Serán os os pavillóns municipais de Santa Isabel (balonmán e baloncesto), Vite (voleibol), Lorenzo de la Torre (baloncesto), Restollal (voleibol), Pontepedriña (voleibol) e Fontiñas (baloncesto). Tamén nos espazos deportivos de centros educativo, caso do CEIP Pío XII (baloncesto), Roxos (balonmán) e Monte dos Postes (baloncesto). O pavillón do CEIP Quiroga Palacios está en reserva para balonmán. As competicións de atletismo disputaranse no estadio da USC. As de natación, na piscina do complexo deportivo de Santa Isabel. 

Toda a información sobre os horarios,  competicións e resultados pode consultarse na páxina web oficial.