Skip to main content

Ferrol, cidade do Eixo atlántico, inicia unha campaña de voluntariado para a limpeza de pellets

Ferrol, cidade do Eixo atlántico, inicia unha campaña de voluntariado para a limpeza de pellets

‘As persoas que desexen colaborar deberán cubrir un formulario cos seus datos e dispoñibilidade para que se poidan establecer grupos e poder traballar coordinadamente xunto coas brigadas municipais’, avanzou o rexedor. O cuestionario pode cubrirse directamente dende a páxina web do Concello de Ferrol

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, anunciou hoxe, tras a celebración da XGL, que o Concello iniciou durante a fin de semana unha campaña de voluntariado para traballar de maneira coordinada e transversal coa Xunta de Galicia. Protección Civil e a Confraría de Mariscadores.

Rey Varela recordou que o Concello de Ferrol comezou o luns 8 un operativo con catro brigadas de Urbaser, cada unha con tres operarios, que traballaron todas as mañás ata o sábado para detectar e recoller, no seu caso, os pellets. Comezaron polas praias de Doniños e San Xurxo, dado que foron os areais nos que se detectou a maior presencia inicialmente.

Os operarios dispuxeron dos EPIS necesarios e contaron con medios materiais para a realización do traballo. Ademais, dende a área de Seguridade realizouse unha compra de material para reforzar os medios a disposición para a recollida: 30 capachos, 60 coladores e cinco caixas de luvas. Instaláronse nas entradas e saídas dos areais nove colectores con lenda de pellets para facilitar o acopio e a súa posterior xestión.

“As persoas que desexen colaborar deberán cubrir un formulario cos seus datos e dispoñibilidade para que se poidan establecer grupos e poder traballar de forma coordinada xunto coas brigadas municipais”, sinalou o alcalde.

O cuestionario pode cubrirse directamente dende a páxina web do Concello de Ferrol. A información será centralizada pola oficina de voluntariado e as persoas que participen están cubertas por un seguro de responsabilidade civil, tal e como recolle a lei de voluntariado.

A semana pasada o alcalde mantivo reunións coas concellerías de Servizos e Medio Ambiente, Mobilidade e Seguridade e Política Social nas que participaron tamén Protección Civil e a Confraría de Mariscadores de Ferrol para poder establecer esta fórmula de colaboración, un traballo transversal, conxunto e, sobre todo, coordinado. Así mesmo, reuniuse cos voceiros municipais.

“Durante a fin de semana tres técnicos da Xunta de Galicia, xunto da Protección Civil e a Confraría encargáronse de informar aos voluntarios de como se deben recoller os pellets, facilitando medios e dando conta do plan Camgal, ao estar situados os nosos arenais en rede natura”, sinalou o rexedor, quen afirmou que “estamos en contacto coa Consellería do Mar e a Consellería de Medio Ambiente, seguindo as súas indicacións”.

En cada un dos areais hai un coordinador que informa aos voluntarios de como se debe actuar e os colectores habilitados para dito fin teñen información das recomendacións que recolle este plan como non acudir aos lugares de limpeza con animais de compañía, acceder ás praias e zonas costeiras polos accesos habituais e sendo coidadoso coa flora e fauna do lugar e evitar a ocupación e o tránsito de vehículos e de persoas polas zonas dunares e o pisoteo de vexetación dunar.

Ademais de non realizar limpezas nas zonas rochosas para evitar accidentes, non pisar nin escarvar nas superficies con pellets depositados para evitar o seu soterramento, non extraer da praia elementos naturais como algas, cunchas, area…Unha vez rematada a actuación, pechar as bolsas cun nó para evitar que os pellets se derramen durante o transporte e non depositar os pellets recollidos nos colectores de lixo municipais.

AGRADECEMENTO AO VOLUNTARIADO

Contamos tamén co servizo de Gardacostas con dúas patrullas a pé, así como persoal contratado por Tragsa e Seaga para a coordinación dos traballos.

Na xornada de hoxe hai catro brigadas de tres persoas do servizo de limpeza nas praias de Doniños, San Xurxo, A Fragata e Vilar, que rotarán por outros areais se se detectan pellets noutras praias, así como persoal de Tragsa contratado pola Xunta de Galicia no Pareixal, Santa Comba, Marmadeiro e San Xurxo. Polo momento, non se detectaron pellets en Cariño nin en Lobadiz.

O material recollido atópase en proceso de separación de acordo cos protocolos existentes, polo que aínda non se pode cuantificar o volume de pellets.

Rey Varela quixo agradecer o traballo desinteresado das persoas que están acudindo aos areais e pediu, por favor, que sigan as recomendacións dos coordinadores. É fundamental recoller só os pellets, que non vaian nas bolsas algas ou plásticos.

“Temos unha xoia de areais que debemos coidar e preservar e traballaremos sempre para facelo sexa cal sexa a circunstancia que lles afecte”, finalizou o alcalde.