Skip to main content

O Concello de Carballo, municipio do Eixo Atlántico, está a organizar un sistema de recollida ante a chegada dos primeiros pellets ás nosas praias

O Concello de Carballo, municipio do Eixo Atlántico, está a organizar un sistema de recollida ante a chegada dos primeiros pellets ás nosas praias
Ademais da empresa concesionaria do servizo de limpeza de praias, desde o Concello coordinaranse accións cidadás con entidades medioambientais

O servizo municipal de Protección Civil estableceu xa durante a fin de semana, a raíz da chegada dos primeiros pellets, un dispositivo de vixilancia. Ao mesmo tempo, e ante a falta de indicacións por parte das Administracións competentes en materia medioambiental, o Concello de Carballo púxose en contacto con outros concellos afectados para saber como están actuando e poder articular un sistema de recollida. Ademais da empresa concesionaria do servizo de limpeza de praias, contaremos co apoio de entidades medioambientais. En colaboración con Adega está previsto, en primeiro lugar, realizar unha acción formativa para as persoas que coordinarán a recollida, coa finalidade de facelo do xeito axeitado para evitar posibles afeccións ao ecosistema.

Desde o Concello de Carballo fan un chamamento á cidadanía para que en ningún caso se realicen limpezas espontáneas. As persoas que queiran colaborar poden poñerse en contacto coa Concellaría de Medio Ambiente.

Os pellets, coñecidos tamén como bágoas de serea, son bolas de plástico de menos de 5 milímetros de tamaño que se utilizan para fabricar outros produtos, como plásticos, botellas, contedores ou bolsas. Aínda que unha vez tratado non representa ningún perigo, no seu estado orixinal é tóxico, polo que a recollida debe realizarse coas debidas medidas de protección. Así mesmo, é importante non pisar as zonas nas que se localizan os pellets para evitar que queden soterrados baixo a area, o que dificultaría aínda máis o xa de por si complicado traballo de limpeza debido ao seu pequeno tamaño.